Saturday 18 de May de 2024

O Concello de Oroso organiza as primeiras 4 sesións de Formación Aberta, que terán lugar os venres de xullo e xirarán sobre os negocios


Trástase dunha iniciativa de formación continua de adultos gratuíta e aberta a toda a veciñanza, que pode participar como alumno ou profesor

A Aula CeMIT de Sigüeiro-Oroso impartirá durante o mes de xullo as súas primeiras catro sesións de Formación Aberta, un proxecto de formación continua e gratuíta de adultos sobre distintas temáticas e nas que os veciños e veciñas poden participar como alumnos ou como docentes. Esta primeira experiencia en Oroso terá lugar todos os venres de xullo, en horario de 10:00 a 12:00 horas, e tratará a temática dos negocios: como montar un negocio, como se xeran as ideas de negocio, que é un negocio innovador ou que relación existe entre emprender e facer negocios.

Aqueles veciños e veciñas de Oroso que estean interesados en participar como alumnos poden anotarse na Aula CeMIT Sigüeiro-Oroso (981 688 925 ou nos mails: cemit.oroso@xunta.es ou educaoroso@concellooroso.com). Aqueles que queiran participar como docentes e compartir os seus coñecementos a través do programa Formación Aberta deberán enviar unha proposta formativa aos mesmos e-mails, adxuntando tamén un breve currículo.

Formación Aberta é un proxecto de carácter cultural, educativo e social que pretende fomentar e incentivar a participación social. Os cursos impártense sen exames, nin diplomas, nin impedimentos de idade ou coñecementos previos. O obxectivo final da iniciativa é crear unha especie de enxame, de xeito que cada vez haxa máis cursos e máis docentes.